LETRAS
GALEGAS 2013
ROBERTO
VIDAL BOLAÑO (1950-2002)
Biografía
- Roberto
Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela, no barrio de Vista Alegre, o 31 de xullo de 1950.
- Desde moi novo, con apenas doce anos, comeza a traballar como administrativo nunha empresa de recambios de coches ata que se incorpora ó servicio militar en Ceuta.
-
En 1964 asiste ás sesións do cineclub da Asociación Fotográfica
Compostelana , onde toda a súa intuición narrativa e dramática
basease xa cun coñecemento máis directo dos grandes mestres do
cinema universal e todo isto reflexarase nos textos que nos deixou.
-
Entre o seu nacemento e a data na que se dá conta da estrea da súa
primeira peza teatral, 1965, cando só tiña quince anos, a súa vida
transcorre entre o traballo e uns precoces inicios formativos co cine
e coa literatura, que acompañaban os seus días de estudo.
-
Roberto sempre recoñeceu que en realidade o seu desexo era ser
director, pero a ausencia dunha industria audiovisual e dun campo
cinematográfico normalizado fixeron imposible que se fixera
realidade.
-
Roberto Vidal Bolaño armou un Teatro Nacional desde a conciencia das
necesidades, desde a necesidade de superación das marxes que a
realidade impuña. Nada do seu teatro se entendería sen o seu amor
polo cine.
-
A súa formación intelectual íaa acadando con estudos nocturnos no
Instituto Xelmírez, coa idea de obter o título de bacharelato
elemental para matricularse na Escola Oficial de Cine de Madrid non
conseguindoo xa que esta pechou e non lle quedou máis remedio que ir
adquirindo a súa formación cinematográfica lonxe da escola da
época.
-
Entre os anos 1971 e 1973, coñece oficios que van desde os
ultramarinos ou o automóbil ata unha axencia de viaxes. A súa
condición de asalariado e de home en proceso de formación
relaciónano, sendo aínda un neno, coas Xuventudes
Obreiras Cristiás
(as XOC), comezando así á militancia sindical e política
antifranquista. A súa primeira peza teatral, O
Xogadeiro,
estréaa Roberto no colexio Placeres de Marín, durante a celebración
do Día do Aprendiz programado por esta organización obreira. Aí
comeza a historia do autor máis prolífico da nosa literatura, do
dramaturgo esencial do noso teatro, do cineasta que dirixiu teatro
porque non puido facer cine.
-
En 1974 entra a traballar nunha oficina bancaria de Compostela, pero
xa dá pasos cara á súa profesionalización no teatro. Crea con
Xaquín García Marcos o grupo
de teatro Antroido
e dirixe en 1975 o espectáculo Amor
e crimes de Xan o Panteira,
de Eduardo Blanco-Amor, no que participa tamén como actor. Un ano
despois, chega Laudamuco,
señor de ningures,
aquela reflexión sobre as formas do poder tan próxima
ao esperpento, que recibirá o premio Abrente.
-
En 1976, casa
con Laura Ponte
tendo un fillo (Roi), unha das nosas máis grandes actrices. Roberto
vive unha fase dunha intensa actividade teatral e creativa. Son os
primeiros anos dun teatro galego que toma conciencia de si, nos que
el é figura dinamizadora e protagonista das montaxes máis
sobranceiras como director, como dramaturgo e tamén como actor.
Talvez entre todas elas, o Laudamuco
sexa
a máis lembrada, porque irrompeu nun tempo escuro coma un raio de
luz e de liberdade expresiva e creativa.
-
En 1977, Roberto é despedido da entidade bancaria na que traballaba.
Esa incidencia laboral tamén determinará a intensidade e a
insistencia da súa dedicación ao teatro. Memoria
de mortos e ausentes
(1978),
Antroido
na rúa
(1978),
Ruada
das papas e do unto
(1981),
Touporroutou
da lúa e do sol
(1982)
ou Romance
dos figos de ouro(1983)
son algúns dos seus espectáculos durante o dito período. Mais
neses anos destaca sobre todo a estrea, un 16 de maio de 1978, do
citado Laudamuco,
señor de ningures,
no Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, dirixido por Eduardo
Alonso, no que Roberto é actor protagonista. E tamén a estrea en
1980 do seu texto Bailadela
da morte ditosa,
un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de Eduardo
Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente. O Teatro do
Estaribel fora unha cooperativa na que participaron os grupos
antroido e Andrómeda.
- En
1983, Roberto regresa a unha das súas actividades recorrentes: a
dramaturxia sobre textos doutros autores da literatura galega. Era
1983, e o Percival
e outras historias de
X.L. Méndez Ferrín líase coma un clásico da nosa literatura e
interpretábase non só en clave literaria senón tamén na súa
dimensión política. Roberto mergúllase no seu universo e constrúe
unha brillante dramaturxia para o espectáculo Percival,
producido por Teatro Antroido, no que participa ademais como actor
protagonista e director. O
Percival
de
Roberto Vidal Bolaño, é un espectáculo multidisciplinar no que se
combinan actores con bonecos e se acompaña con música e
proxeccións, vai recadando un éxito notable en Galicia e fóra.
-
O mesmo ano da creación do Centro Dramático Galego, Roberto Vidal
Bolaño escribe e dirixe Agasallo
de sombras,
unha visión desmitificadora e densa arredor de Rosalía de Castro e
da súa relación con Manuel Murguía. A obra é a segunda montaxe do
CDG e el foi vetado polo poder político.
-
O seu Caprice
des Dieux,
un monólogo estreado en 1985, escrito e interpretado por el, é unha
visión profundamente crítica do teatro galego e dos seus
personaxes. Así, sen abandonar a escrita nin o espectáculo teatral,
a súa participación en proxectos audiovisuais vai tomando máis
corpo. E será no sector audiovisual no que encontre a súa principal
fonte de ingresos, ata que no ano 1991 obtén o Premio Álvaro
Cunqueiro con Saxo
Tenor.
-
No ano 1985, nace
a Televisión de Galicia,
e con ela empezan as primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a
da dobraxe de películas ao galego. Roberto participa como actor,
director de sala e director artístico da produtora CTV-Galaxia neses
primeiros pasos que a nova actividade artística empeza a dar en
Galicia. Asume ese traballo non só como un medio de vida, senón
como un labor profesional e artístico de primeira importancia para
un proceso de normalización cultural e lingüística que empeza a
pilotar a TVG, que emite a totalidade da súa programación en
galego. A TVG será o primeiro medio de masas da historia de Galicia
que se enfronte á necesidade de cubrir a totalidade da súa
programación con todo o repertorio de roles da lingua, de amosala,
polo menos virtualmente, como unha lingua plenamente normalizada.
Para ese labor ten que contribuír tamén, e coa máxima eficacia, a
dobraxe de películas. Roberto comprendía que o labor da TVG era
esencial nese proceso, por iso proxectou diversas propostas de
produción para a televisión pública.
Durante
o seu período de maior actividade audiovisual, Roberto seguiu
escribindo, dirixindo e producindo teatro. Cochos
(1986)
é talvez a súa peza máis salientable.
- En 1987 escribe e dirixe Novo
de Parmuíde,
unha película de 56 minutos baseada en relatos de Álvaro Cunqueiro.
Pero tamén contribúe como actor noutros proxectos, como Sempre
Xonxa
(1989),
de Chano Piñeiro, ou como a serie emitida pola TVG Os
outros feirantes
(1989),
dirixida por Xosé Cermeño e baseada en textos da obra homónima de
Álvaro Cunqueiro. Por esa época, comeza tamén a rodaxe do
episodio piloto da serie Morosos
Varios,
que el mesmo escribe e dirixe.
-
En 1988 sepárase de Laura Ponte e comeza unha relación sentimental
con Cruz Comesaña ata a morte prematura da actriz en 1989.
-
En 1991, conseguía o Premio Álvaro Cunqueiro coa súa obra Saxo
Tenor,
unha peza dramática de clara raizame cinematográfica.
-
En 1992 volve
casar, con Belén Quintáns
coa que ten unha filla (Carme), a quen coñeceu un par de anos antes,
que sería a súa compañeira ata o derradeiro momento, non só no
plano persoal, senón tamén no profesional. Con ela funda ese mesmo
ano a compañía Teatro do Aquí, coa que Roberto , con Belén como
produtora, poñería en escena talvez o máis poderoso da súa
inxente produción dramática. Días
sen gloria obtén
o Premio Rafael Dieste e queda finalista do Premio Nacional de
Literatura. Publicanse algúns dos seus textos xa clásicos, como
Bailadela
da morte ditosa,
Agasallo
de sombras ou
Cochos.
-
En 1993 dirixe para a súa compañía Saxo
Tenor.
O espectáculo é probablemente a primeira grande produción do
teatro galego independente. O texto será publicado por Edicións
Xerais de Galicia. Tamén estrea coa mesma compañía Días
sen gloria,
dirixida por Quico Cadaval, na que participa como protagonista.
- En 1994, Roberto recibe o primeiro premio do certame Camiño
de Santiago de Teatro Profesional por unha obra que necesariamente ía
levantar polémica: As
actas escuras que
son
un episodio máis desa brillante carreira literaria, e é unha peza
dramática de estrutura e tramas cinematográficas, unha película
sobre un escenario contada coa mestría espacio-temporal e de
creación de personaxes que se lle esixiría á mellor das novelas.
Nesta obra, Roberto móstrase coma un dos escritores máis
sobranceiros e profundo da nosa literatura.
Entre
ese ano e o ano da súa morte, Roberto, sen abandonar de todo a súa
conexión co mundo audiovisual, sobre todo como actor e
esporadicamente como guionista e director, reintégrase con plenitude
ao campo teatral. Son os seus anos máis produtivos, non só como
dramaturgo, senon tamén como actor, director, iluminador, etc. É a
satisfacción dunha das súas metas: a plena profesionalización
teatral.
-
En 2001 participa como guionista e como actor na miniserie Un
Mundo de Historias,
unha produción da TVG consistente na adaptación de relatos da nosa
literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da adaptación de "Cara
de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo" de Eduardo
Blanco-Amor. Tamén estaba previsto que dirixise os episodios
correspondentes a eses relatos, pero a súa enfermidade,
diagnosticada no medio da rodaxe, apartouno desa posibilidade.
Ademais dos guións destes dous episodios, Roberto participou ata os
seus últimos días no equipo de desenvolvemento dese proxecto da
TVG.
-
Morreu en Santiago o 11 de setembro de 2002 victima de cancro de
pulmón.
Teatro:
-
Laudamuco,
señor de ningures; Ledaíñas pola morte do Meco.
Santiago de Compostela: Pico Sagro, 1977.
- Bailadela
da morte ditosa.
Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1992.
- Agasallo
de sombras.
Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
- Cochos.
Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1992.
- Días
sen groria.
A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, 1992.
- Saxo
tenor.
Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1993.
- Touporroutou
da lúa e do sol.
A Coruña: Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, 1996.
- Doentes.
A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, 1998.
- A
ópera de a patacón.
Vigo: Edicións Xerais, 1998.
- Rastros.
Santiago de Compostela: Edicións Positivas, 1998.
- Mar
revolto.
Santiago de Compostela: IGAEM, 2001.
- Animaliños.
Santiago de Compostela: Follas Novas, 2003.
- Integral.
Ferrol: Edicións Embora, 2003.
- A
burla do galo.
Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e
musicais, 2004.
-
As actas escuras.
Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela, 2005.
Ensaio
-
Perspectivas
do Teatro Galego Actual
(2002)
Luis
Otero Cebral coordinador do EDNL
CEIP
Concepción Arenal-A Coruña
Fragmento
de Rastros,
lido por Camilo Franco, na Asociación de Escritores e Escritoras en
Lingua Galega.