10 abr 2013

LETRAS GALEGAS 2013: ROBERTO VIDAL BOLAÑO

 
LETRAS GALEGAS 2013


ROBERTO VIDAL BOLAÑO (1950-2002)


Biografía

- Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela, no barrio de Vista Alegre, o 31 de xullo de 1950.
- Desde moi novo, con apenas doce anos, comeza a traballar como administrativo nunha empresa de recambios de coches ata que se incorpora ó servicio militar en Ceuta.
- En 1964 asiste ás sesións do cineclub da Asociación Fotográfica Compostelana , onde toda a súa intuición narrativa e dramática basease xa cun coñecemento máis directo dos grandes mestres do cinema universal e todo isto reflexarase nos textos que nos deixou.
- Entre o seu nacemento e a data na que se dá conta da estrea da súa primeira peza teatral, 1965, cando só tiña quince anos, a súa vida transcorre entre o traballo e uns precoces inicios formativos co cine e coa literatura, que acompañaban os seus días de estudo.
- Roberto sempre recoñeceu que en realidade o seu desexo era ser director, pero a ausencia dunha industria audiovisual e dun campo cinematográfico normalizado fixeron imposible que se fixera realidade.
- Roberto Vidal Bolaño armou un Teatro Nacional desde a conciencia das necesidades, desde a necesidade de superación das marxes que a realidade impuña. Nada do seu teatro se entendería sen o seu amor polo cine.
- A súa formación intelectual íaa acadando con estudos nocturnos no Instituto Xelmírez, coa idea de obter o título de bacharelato elemental para matricularse na Escola Oficial de Cine de Madrid non conseguindoo xa que esta pechou e non lle quedou máis remedio que ir adquirindo a súa formación cinematográfica lonxe da escola da época.
- Entre os anos 1971 e 1973, coñece oficios que van desde os ultramarinos ou o automóbil ata unha axencia de viaxes. A súa condición de asalariado e de home en proceso de formación relaciónano, sendo aínda un neno, coas Xuventudes Obreiras Cristiás (as XOC), comezando así á militancia sindical e política antifranquista. A súa primeira peza teatral, O Xogadeiro, estréaa Roberto no colexio Placeres de Marín, durante a celebración do Día do Aprendiz programado por esta organización obreira. Aí comeza a historia do autor máis prolífico da nosa literatura, do dramaturgo esencial do noso teatro, do cineasta que dirixiu teatro porque non puido facer cine.
- En 1974 entra a traballar nunha oficina bancaria de Compostela, pero xa dá pasos cara á súa profesionalización no teatro. Crea con Xaquín García Marcos o grupo de teatro Antroido e dirixe en 1975 o espectáculo Amor e crimes de Xan o Panteira, de Eduardo Blanco-Amor, no que participa tamén como actor. Un ano despois, chega Laudamuco, señor de ningures, aquela reflexión sobre as formas do poder tan próxima ao esperpento, que recibirá o premio Abrente.
- En 1976, casa con Laura Ponte tendo un fillo (Roi), unha das nosas máis grandes actrices. Roberto vive unha fase dunha intensa actividade teatral e creativa. Son os primeiros anos dun teatro galego que toma conciencia de si, nos que el é figura dinamizadora e protagonista das montaxes máis sobranceiras como director, como dramaturgo e tamén como actor. Talvez entre todas elas, o Laudamuco sexa a máis lembrada, porque irrompeu nun tempo escuro coma un raio de luz e de liberdade expresiva e creativa. 
- En 1977, Roberto é despedido da entidade bancaria na que traballaba. Esa incidencia laboral tamén determinará a intensidade e a insistencia da súa dedicación ao teatro. Memoria de mortos e ausentes (1978), Antroido na rúa (1978), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro(1983) son algúns dos seus espectáculos durante o dito período. Mais neses anos destaca sobre todo a estrea, un 16 de maio de 1978, do citado Laudamuco, señor de ningures, no Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, dirixido por Eduardo Alonso, no que Roberto é actor protagonista. E tamén a estrea en 1980 do seu texto Bailadela da morte ditosa, un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de Eduardo Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente. O Teatro do Estaribel fora unha cooperativa na que participaron os grupos antroido e Andrómeda.
- En 1983, Roberto regresa a unha das súas actividades recorrentes: a dramaturxia sobre textos doutros autores da literatura galega. Era 1983, e o Percival e outras historias de X.L. Méndez Ferrín líase coma un clásico da nosa literatura e interpretábase non só en clave literaria senón tamén na súa dimensión política. Roberto mergúllase no seu universo e constrúe unha brillante dramaturxia para o espectáculo Percival, producido por Teatro Antroido, no que participa ademais como actor protagonista e director. O Percival de Roberto Vidal Bolaño, é un espectáculo multidisciplinar no que se combinan actores con bonecos e se acompaña con música e proxeccións, vai recadando un éxito notable en Galicia e fóra.
- O mesmo ano da creación do Centro Dramático Galego, Roberto Vidal Bolaño escribe e dirixe Agasallo de sombras, unha visión desmitificadora e densa arredor de Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía. A obra é a segunda montaxe do CDG e el foi vetado polo poder político.
- O seu Caprice des Dieux, un monólogo estreado en 1985, escrito e interpretado por el, é unha visión profundamente crítica do teatro galego e dos seus personaxes. Así, sen abandonar a escrita nin o espectáculo teatral, a súa participación en proxectos audiovisuais vai tomando máis corpo. E será no sector audiovisual no que encontre a súa principal fonte de ingresos, ata que no ano 1991 obtén o Premio Álvaro Cunqueiro con Saxo Tenor.
- No ano 1985, nace a Televisión de Galicia, e con ela empezan as primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a da dobraxe de películas ao galego. Roberto participa como actor, director de sala e director artístico da produtora CTV-Galaxia neses primeiros pasos que a nova actividade artística empeza a dar en Galicia. Asume ese traballo non só como un medio de vida, senón como un labor profesional e artístico de primeira importancia para un proceso de normalización cultural e lingüística que empeza a pilotar a TVG, que emite a totalidade da súa programación en galego. A TVG será o primeiro medio de masas da historia de Galicia que se enfronte á necesidade de cubrir a totalidade da súa programación con todo o repertorio de roles da lingua, de amosala, polo menos virtualmente, como unha lingua plenamente normalizada. Para ese labor ten que contribuír tamén, e coa máxima eficacia, a dobraxe de películas. Roberto comprendía que o labor da TVG era esencial nese proceso, por iso proxectou diversas propostas de produción para a televisión pública.
Durante o seu período de maior actividade audiovisual, Roberto seguiu escribindo, dirixindo e producindo teatro. Cochos (1986) é talvez a súa peza máis salientable.
- En 1987 escribe e dirixe Novo de Parmuíde, unha película de 56 minutos baseada en relatos de Álvaro Cunqueiro. Pero tamén contribúe como actor noutros proxectos, como Sempre Xonxa (1989), de Chano Piñeiro, ou como a serie emitida pola TVG Os outros feirantes (1989), dirixida por Xosé Cermeño e baseada en textos da obra homónima de Álvaro Cunqueiro. Por esa época, comeza tamén a rodaxe do episodio piloto da serie Morosos Varios, que el mesmo escribe e dirixe.
- En 1988 sepárase de Laura Ponte e comeza unha relación sentimental con Cruz Comesaña ata a morte prematura da actriz en 1989.
- En 1991, conseguía o Premio Álvaro Cunqueiro coa súa obra Saxo Tenor, unha peza dramática de clara raizame cinematográfica.
- En 1992 volve casar, con Belén Quintáns coa que ten unha filla (Carme), a quen coñeceu un par de anos antes, que sería a súa compañeira ata o derradeiro momento, non só no plano persoal, senón tamén no profesional. Con ela funda ese mesmo ano a compañía Teatro do Aquí, coa que Roberto , con Belén como produtora, poñería en escena talvez o máis poderoso da súa inxente produción dramática. Días sen gloria obtén o Premio Rafael Dieste e queda finalista do Premio Nacional de Literatura. Publicanse algúns dos seus textos xa clásicos, como Bailadela da morte ditosa, Agasallo de sombras ou Cochos.
- En 1993 dirixe para a súa compañía Saxo Tenor. O espectáculo é probablemente a primeira grande produción do teatro galego independente. O texto será publicado por Edicións Xerais de Galicia. Tamén estrea coa mesma compañía Días sen gloria, dirixida por Quico Cadaval, na que participa como protagonista.
- En 1994, Roberto recibe o primeiro premio do certame Camiño de Santiago de Teatro Profesional por unha obra que necesariamente ía levantar polémica:
As actas escuras que son un episodio máis desa brillante carreira literaria, e é unha peza dramática de estrutura e tramas cinematográficas, unha película sobre un escenario contada coa mestría espacio-temporal e de creación de personaxes que se lle esixiría á mellor das novelas. Nesta obra, Roberto móstrase coma un dos escritores máis sobranceiros e profundo da nosa literatura.
Entre ese ano e o ano da súa morte, Roberto, sen abandonar de todo a súa conexión co mundo audiovisual, sobre todo como actor e esporadicamente como guionista e director, reintégrase con plenitude ao campo teatral. Son os seus anos máis produtivos, non só como dramaturgo, senon tamén como actor, director, iluminador, etc. É a satisfacción dunha das súas metas: a plena profesionalización teatral.
- En 2001 participa como guionista e como actor na miniserie Un Mundo de Historias, unha produción da TVG consistente na adaptación de relatos da nosa literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da adaptación de "Cara de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo" de Eduardo Blanco-Amor. Tamén estaba previsto que dirixise os episodios correspondentes a eses relatos, pero a súa enfermidade, diagnosticada no medio da rodaxe, apartouno desa posibilidade. Ademais dos guións destes dous episodios, Roberto participou ata os seus últimos días no equipo de desenvolvemento dese proxecto da TVG.
- Morreu en Santiago o 11 de setembro de 2002 victima de cancro de pulmón.

Bibliografía

   


Teatro:
- Laudamuco, señor de ningures; Ledaíñas pola morte do Meco. Santiago de Compostela: Pico Sagro, 1977.
-
Bailadela da morte ditosa. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1992.
-
Agasallo de sombras. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
-
Cochos. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1992.
-
Días sen groria. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, 1992.
-
Saxo tenor. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1993.
-
Touporroutou da lúa e do sol. A Coruña: Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, 1996.
-
Doentes. A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, 1998.
-
A ópera de a patacón. Vigo: Edicións Xerais, 1998.
-
Rastros. Santiago de Compostela: Edicións Positivas, 1998.
-
Mar revolto. Santiago de Compostela: IGAEM, 2001.
-
Animaliños. Santiago de Compostela: Follas Novas, 2003.
-
Integral. Ferrol: Edicións Embora, 2003.
-
A burla do galo. Santiago de Compostela: Instituto Galego das Artes Escénicas e musicais, 2004.
- As actas escuras. Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela, 2005.

Ensaio

- Perspectivas do Teatro Galego Actual (2002)

Luis Otero Cebral coordinador do EDNL
CEIP Concepción Arenal-A Coruña
Caderno Pedagóxico sobre As Actas Escuras, no Centro Dramático Galego.
Fragmento da representación de A burla do galo, na Biblioteca Virtual Galega.
Fragmento de Rastros, lido por Camilo Franco, na Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
"Perspectivas do teatro galego actual", en Alonso Girgado, L. (coord.). Actas I Xornadas das Letras Galegas, Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1998. Consultable na Biblioteca Virtual Galega.
Actividades SEMINARIO GALÁN  http://seminariogalan.org/
Material Letras Galegas:  CANCIÓNS  :  Espirito Vidal Bolaño ;  Meu o mundo é!  
Carteis e Guías das Letras Galegas:  http://www.xunta.es/linguagalega/roberto_vidal_bolano